dissabte, 6 de juliol del 2024

Un cego nun cárcere franquista

 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2024/07/05/span-langgl-cego-nun-carcere-franquistaspan/0003_202407G5P30993.htm


05 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro dos libros sobre a represión franquista, moi poucos me teñen impresionado tanto como o que acaba de publicar Luís Lamela co título Los años de guerra y la prisión provincial de A Coruña. Memorias de un recluso: Domingo Quiroga Ríos (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, 2023). Luís Lamela, ben coñecido e recoñecido como estudoso da represión franquista en Galicia, debrúzase, neste volume, con pluma de historiador sensible, sobre as memorias inéditas de Domingo Quiroga tituladas Un masón en la hoguera. Son significativas as páxinas que reproduce ad litteram e o lector agradece as reflexións que fai Lamela, quen, por outra parte, achega moitos datos, por el investigados, para coñecermos capítulos das biografías dos seus compañeiros de cela, a 41 da prisión provincial da Coruña desde 1937.

Entre eles hai un que é inesquecible: Enrique Pérez Martínez. Enrique, cego de nacemento, tiña dezanove anos cando foi detido por pertencer ás Xuventudes Socialistas e porque tiña no seu poder dezaoito cuartillas con versos e romances [sic] «injuriosos» para o Alzamento Nacional. Acusado, como tantos outros, «de rebelión», foi condenado a morte, condena, finalmente, conmutada. Fixera Enrique, malia a cegueira e a miseria do seu berce, estudos de piano e cursara o bacharelato. Xa fóra da prisión, traballa na ONCE desde 1943, onde pronuncia charlas sobre temas diversos. Lamela precisa que o 27 de xaneiro de 1948 leu na Asociación de Artistas da Coruña a conferencia Tres aspectos de la moderna poesía española: García Lorca, Juan Ramón y Antonio Machado. Percíbese que era home de principios. Quen, nesa altura, falaba en España dun fusilado, dun exiliado aínda vivo e dun exiliado emblemático que morrera en 1939?

Teño a esperanza de que Luís Lamela complete a biografía de Enrique Pérez Martínez e de que algún narrador nos ofreza a súa novela.

Son esclarecedoras as páxinas que Luís Lamela, na composición deste volume, lle dedica a este heroico Enrique Pérez Martínez, nomeadamente aquelas nas que, nos debates políticos da cela 41, amosa o seu esencial espírito machadiano.

Cap comentari:

Publica un comentari a l'entrada