http://www.gciencia.com/historias-gc/represion-franquista-galicia-1936/
Varios proxectos de investigación impulsados por universidades e institucións públicas lembran aos asasinados no golpe de Estado de 1936 e nas posteriores represalias
Un día coma hoxe, hai 81 anos, unha parte do exército españolsublevouse contra o goberno da República. O golpe de Estado trouxo consigo tres anos dunha terrible Guerra Civil e outros 36 anos de ditadura franquista, con centos de miles de persoas asasinadas, encarceradas e exiliadas. Hoxe, en 2017, moitas familias aínda non poden saber onde están enterrados os seus familiares. En Galicia apenas houbo guerra, xa que o bando sublevado impúxose en poucos días. Mais o odio non se freou, e comezou un exterminio que nos seguintes anos acabou coa vida de polo menos 5.000 persoas, segundo os datos oficiais, aínda que é posible que as cifras reais sexan sensiblemente maiores.
Nos meses seguintes, alén das vítimas máis ou menos anónimas, foron asasinados decenas de políticos e cidadáns notables afectos á Segunda República. Entre eles, os rexedores de catro das sete principais cidades: Alfredo Suárez Ferrín (A Coruña), Ánxel Casal (Santiago de Compostela), Manuel Suárez Castro (Ourense) e Emilio Martínez Garrido (Vigo). E tamén foi executado Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol entre 1931 e 1934 e concelleiro no momento no que se produciu o golpe de Estado. Tamén foron asasinados salientables intelectuais do Partido Galeguista como Alexandre Bóveda, Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo), ou Xohán Carballeira, naquel momento alcalde de Bueu.
O proxecto “Nomes e Voces” desapareceu en 2013 pola falta de axudas
A pesar do franquismo e do afán por pasar páxina, a memoria das vítimas persistiu en Galicia, como no resto do Estado, grazas á investigación de decenas de cronistas locaisafanados en non esquecer, e ao labor das universidades. Así, en 2006naceu Nomes e Voces, un proxecto das tres universidades galegascoordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto e no que colaboraban entidades como a Xunta de Galicia, a Unión Europea e as Deputacións da Coruña e Lugo. Unha gran base de datos, mapas, informes e recursos educativos que compilaba as causas abertas contra cidadáns galegos a partir do golpe do 18 de xullo de 1936.
Porén, en 2013, os responsables de Nomes e Voces anunciaron a súa desaparición debido á falta de apoios. Segundo contaba El País en 2012, a Xunta recortara en 2010 o 90% da financiación ao proxecto. Con todo, a pesar de non ter actividade, é posible seguir consultando a base de datos e outra valiosa información.
Pola súa banda, a Deputación da Coruña impulsou neste 2017 o proxecto Xeración Perdida, no que se compila a historia das corporacións locais republicanas que se enfrontaron ao golpe militar. Un total de 300 nomes compilados polo grupo Hispona, da USC, dos que máis de 60 foron asasinados.
Nestas ligazóns podes consultar os proxectos:
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada