dijous, 1 de maig del 2014

Achegan probas ao xulgado para a derriba da cruz do Castro





A Asoc. de Memoria Histórica do 36 espera para xuño unha sentenza que obrigue ao Concello
          
María Jesús Fonte - Vigo / A Voz  25 de abril de 2014

O fallo xudicial que conduza á derriba ou conservación da cruz do Castro está ao virar a esquina. A sentenza podería coñecerse en xuño, o mesmo mes para o que está sinalada a proba pericial dun historiador. A demanda da Asociación pola Memoria Histórica do 36 para que o Concello de Vigo cumpra coa lei e destrúa o que considera un símbolo franquista foi presentada inicialmente pola vía do contencioso-administrativo e derivada con posterioridade á xustiza ordinaria.

O 5 de xuño presentarase a proba pericial do historiador José Ramón Rodríguez Lago. Na mesma faise constar que «pode asegurarse sen dúbida que o Monumento aos Caídos, situado no monte do Castro da cidade de Vigo, representa un elemento golpista de 1936, dos vencedores da Guerra Civil, da posterior ditadura militar e das accións represivas desenvolvidas polas organizacións da Falanxe antes, durante e despois da guerra». Engade que a iniciativa foi arroupada polo pleno do Concello na época da ditadura e erixida nunha propiedade municipal que previamente pertencera ao exército. O mesmo informe recorda que o Concilio Vaticano II, que proclama a defensa e posta en valor das liberdades relixiosas e políticas por parte da igrexa católica, impide que o monumento do Castro «poida ser considerado de ningún xeito como símbolo da reconciliación cristiá».

ADVERTISEMENT
En opinión do presidente da asociación, Telmo Comesaña, o informe «é demoledor» e deixa ben claro a simboloxía da cruz situada no monte do Castro, xusto fronte ao Concello.

Rexeita que o monumento sexa un símbolo relixioso, senón a conmemoración do golpe militar de 1936.

No que se refire ao pleno da corporación municipal de Vigo de 1981, presidida por Manoel Soto e que aprobou o cambio de sentido da cruz, a demanda presentada no seu día defende que non se cumpriu o acordo de colocar unha placa para facer constar o cambio e que o pleno non ten capacidade para cambiar o significado e, menos aínda, a historia.

«A corporación municipal non ten capacidade para modificar un símbolo público sen intervención doutras administracións... senón que o único que legalmente se pode facer con ese tipo de simboloxía é retirala, como ordena a Lei 52/2007 no seu artigo 15», asegura a entidade demandante en alusión á Lei da Memoria Histórica.

A próxima sentenza deberá determinar se, efectivamente, esa decisión do pleno á que se agarra o alcalde Abel Caballero para non tirar o monumento é ou non válida. En caso de non tela en consideración, o goberno municipal veríase obrigado a cumprir a Lei da Memoria Histórica.

Detrás da negativa do alcalde a retirar a cruz podería estar un pacto co bispo José Diéguez no 2008 relativo á retirada dos símbolos da guerra civil que aínda pervivían nalgunhas igrexas. O monumento do Castro mantíñase en pé talvez a cambio doutras prerrogativas.



--
Postado por Blogger no Estación Atlántica em 4/25/2014 08:58:00 PM