dissabte, 12 de desembre del 2015

Luis Lamela: A represión na Coruña. Luis Lamela.

http://memoriadocarcere.com/2015/12/10/luis-lamela-presentacion-blog/




Texto de Luís Lamela lido na presentación do blog Memoria do Cárcere sobre o alcance da represión na cidade da Coruña
Comezo esta breve intervención cunhas palabras escritas nunha carta enviada á súa esposa polo funcionario municipal Francisco Prego Campos, pouco antes de ser fusilado en Punta Herminia xunto ao alcalde Alfredo Suárez Ferrín: “Vou morrer coa fronte ergueita e tranquila conciencia, cal corresponde a un home honrado”… O contrario que os seus executores, poderiamos engadir nós.
O conxunto formado pola Prisión Provincial, Punta Herminia e o Campo da Rata foi a partir de xullo de 1.936 unha xeografía de terror inmenso. Inauguráronse os macabros fusilamentos polos militares sublevados coas autoridades gubernativas da Segunda República na Coruña. Isto é, axustizando o 24 de xullo ao novo gobernador civil, Francisco Pérez Carballo, ao comandante e ao capitán das forzas de Asalto, Manuel Quesada del Pino e Gonzalo Tejero Langarita.
Despois, tocoulle a quenda a moitos máis republicanos, socialistas, galeguistas, anarcosindicalistas, ugetistas, comunistas, masóns…, fusilamentos que formaron parte durante moito tempo da paisaxe da zona da Torre de Hércules. Precisamente, logo de recibirse un telegrama oficial da Xunta de Defensa Nacional, de Burgos, dirixido ao Xeneral da Oitava División Orgánica, na Coruña, dando o seu “enterado” da sentenza recaída no consello de guerra seguido contra as autoridades municipais da cidade, o 31 de agosto foron fusilados o propio alcalde, Alfredo Suárez Ferrín, de Unión Republicana; o deputado nacional Manuel Guzmán García, de Izquierda Republicana, Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Local Socialista coruñesa; Joaquín Martín Martínez, secretario municipal; Francisco Prego Campos, funcionario municipal e Francisco Mazariegos Martínez, funcionario do Banco Pastor e sindicalista, salvándose da quéima o funcionario Leovigildo Taboada Alvarellos e o libreiro Xosé María Eirís aos que lles conmutaron a pena de morte pola de cadea perpetua.
Toda unha macabra ilusión. Leovigildo Taboada e Xosé María Eirís foron “paseados” pola Garda Civil no Campo da Rata o 12 de xaneiro seguinte. Unha Garda Civil que transitaban entón sen rubor algún –auxiliados eficazmente por falanxistas e por compoñentes dos Caballeros de La Coruña- polos escabrosos sumidoiros do novo Estado franquista, daquel réxime que deixou sen dereitos a media cidade e a media España.
Antes e logo da morte de Alfredo Suárez Ferrín, pasearon e fusilaron desde deputados a alcaldes, desde mestres a sindicalistas, desde militares a socialistas, desde avogados a republicanos, desde obreiros a campesiños, desde ferralleiros a dramaturgos ou quincalleiros…. Unha gran catástrofe colectiva sufrida por unha xeración espléndida e xenerosa, convertida, por mor dos pelotóns de fusilamento dos militares sublevados, ou por patrullas nocturnas, en mártires da democracia republicana.
Foron, pois, moitos, moitísimos os caídos naquela xeografía da Prisión Provincial, Punta Herminia e o Campo da Rata. Máis de 200 veciños da Coruña entre fusilados e paseados, do total de 332 cadáveres resultado da represión practicada físicamente dentro deste término municipal, durante o período que vai do 20 de xullo de 1.936 ao 1 de abril de 1.939, aínda que os mortos coruñeses foron moitos máis, pero os seus cadáveres foron espallados por tapias de cemiterios, campos, camiños e gabias de localidades da provincia da Coruña e Lugo e enterrados en cemiterios doutros municipios.
Despois do 1º de abril de 1939 seguiron fusilando, aínda que a moito menor ritmo. Substituíron os fusilamentos polo garrote vil na segunda parte da década dos anos corenta, executándose na Prisión Provincial a moitos defensores da democracia republicana, entre eles a un mozo coruñés, Manolito Bello Parga, convertido en inexperto guerrilleiro, fillo dun antigo concelleiro da Coruña, de Izquierda Republicana. Primeiro saían da Prisión Provincial para ser fusilados. Máis tarde evitáronlles a tráxica viaxe a Punta Herminia. Os executaban dentro das instalacións carcerarias. E, outros moitos, morrían por enfermidades… Unha gran traxedia que non tivo reparación algunha na nosa democracia desagradecida.
Memoria para eles. E o cárcere é memoria deles. E de Alfredo Suárez Ferrín, o alcalde da Coruña que ingresou en prisión cando foi detido o 21 de xullo, e que aínda que o xuíz instrutor alzou a detención o 3 de agosto seguinte, seguiu no cárcere xunto con José Miñones e Eladio Muiños a disposición de Florentino González Vallés, o gran inquisidor da provincia. Só un deles puido salvarse da queima: Eladio Muiños.
Para finalizar recurro a unhas palabras do ex alcalde e avogado defensor de Suárez Ferrín, Manuel Casas Fernández, para apuntar algúns méritos do fusilado: “O señor Ferrín -devandito sexa sinceramente no seu honor- desempeñou celosamente o seu cargo, prestou meritísimos servizos á Coruña e impúxose moitos sacrificios que xa se ve como foron recompensados ¡Dura lección da vida para cantos ofrécense coa boa voluntade ao servizo dos intereses públicos!”
Luis Lamela
3 Decembro 2015