dimarts, 15 d’octubre del 2013

Paz para sempre. Claudio Rodríguez Fer.


http://www.sermosgaliza.com/opinion/claudio-rodriguez-fer/paz-sempre/20131015052411020018.html


Opinión

Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer

Escritor e Profesor

         
PAZ PARA SEMPRE
      
Perseguíronos con saña.
Detivéronos con sevicia.
Torturáronos con sadismo.
Encarceráronos sen causa.
Xulgáronos sen xustiza.
Paseáronos sen piedade.
Así os mataron.
E impuxeron o terror.
E impuxeron a calumnia.
E impuxeron a falsificación.
E impuxeron a censura.
E impuxeron o silencio.
E impuxeron o esquecemento.
E así trataron de rematalos.
Contra o exterminio atroz
das súas vidas desfeitas
e contra o esquecemento inxusto
do silencio cómplice
queremos manter viva para sempre
a memoria galega
das vítimas do fascismo,
en solidariedade
con todas as comunidades do mundo
que padecesen calquera ditadura do terror.
Porque como aquelas vítimas
queremos liberdade para sempre.
Porque por aquelas vítimas
para sempre quereremos xustiza.
Porque a realidade é o desexo,
PAZ PARA SEMPRE.
“Contra el olvido” titulou o poeta José Ángel Valente un escrito publicado no primeiro número da revista Unión libre evocando o tempo no que “o ceo era baixo, rasante, non cabía levantar a cabeza por encima dun nivel entre regulado e sacrosanto, porque os mortos –dicía Luis Pimentel no seu Lugo melancólico– enchían as cunetas”. Pero outro poeta, por certo solidario amigo de Valente e a quen a ditadura arxentina deixou sen fillos e sen memoria da neta roubada, Juan Gelman, recordou máis tarde que “Xa non vivimos na Grecia do século V antes de Cristo na que os cidadáns eran obrigados a esquecer por decreto”. Porque o esquecemento, ademais de inxusto e corruptor, é imposible, mentres que o dereito á verdade, ademais de estar recoñecido como tal polas Nacións Unidas, é xusto, reparador e posible para superar toda clase de odio, de rancor e de violencia.
Contra o esquecemento tamén a Iniciativa Galega da Memoria elaborou o manifesto que tedes nas mans, porque aínda que esta plataforma plural estea composta por moi distintas asociacións pertencentes a diversos lugares, diversas ideoloxías, diversas políticas e diversas sensibilidades, todas teñen algo en común: unha mesma memoria, unha mesma memoria galega, unha mesma memoria antifascista, unha mesma memoria humana, unha mesma memoria humanista.
Por isto trátase dun manifesto en desagravio ás vítimas, pola fin da impunidade e da apoloxía do franquismo, secuela do nazi-fascismo. Porque aquelas vítimas, tras sufrir en diferente grao a represión e a intolerancia -asasinato, tortura, cadea, expropiación de bens, depuración de traballos-, tiveron que padecer logo o silencio e mesmo a aldraxe e a culpabilización. 
"Aquelas vítimas, tras sufrir en diferente grao a represión e a intolerancia -asasinato, tortura, cadea, expropiación de bens, depuración de traballos-, tiveron que padecer logo o silencio e mesmo a aldraxe e a culpabilización". 
Só grazas ao esforzo civil de asociacións, investigadores e investigadoras foise avanzando no coñecemento e no recoñecemento da brutal represión de miles de asasinados e de moitos máis miles de represaliados doutro tipo dende 1936, mais, como se di no manifesto, “aínda non se conseguiu o merecido respecto xeral á dignidade das vítimas, que non son recoñecidas como tais política e xuridicamente”. E o que é máis absurdo nunha sociedade teoricamente democrática, aínda seguen a ser aldraxadas por quen máis ten o deber de honralas, que son os representantes do pobo. Porque todos, comezando polas institucións democráticas, temos que asumir como propia a dor padecida por decenas de miles de persoas dignas, da mesma maneira que a doutra clase de vítimas, como as dos accidentes catastróficos ou as da violencia machista, que non pode nin debe ser só a dos parentes dos accidentados ou a das mulleres maltratadas, senón a da humanidade enteira.
Cómpre, pois, ser consecuentes coa lexislación internacional, tal como ten manifestado a Oficina de Dereitos Humanos da ONU, e non deixar as vítimas, as asociacións de recuperación da memoria histórica e a quen investiga os feitos sen amparo legal fronte a contrasentidos tan flagrantes como que os consellos de guerra liquidacionistas e xa ilegais no seu día gocen de plena legalidade na nosa suposta democracia. O mundo enteiro está escandalizado de que aquí estea máis penalizado investigar ou xulgar o xenocidio que cometelo.
Como lembra o manifesto, “os réximes democráticos que padeceron o fascismo, adoitan ter no seu ordenamento xurídico normas que eviten que isto lle volva acontecer”, pero tal cautela non acontece aínda entre nós, onde perviven fondos e formas dunha democracia verticalmente outorgada que aínda non deslexitima o totalitarismo do que vén.
"Só grazas ao esforzo civil de asociacións, investigadores e investigadoras foise avanzando no coñecemento e no recoñecemento da brutal represión de miles de asasinados e de moitos máis miles de represaliados doutro tipo"
Dicía Gandhi que non hai camiños para a paz porque a paz é o camiño. En efecto, así ocorre coa paz social, que se fundamenta na xustiza; coa paz política, que se basea na liberdade; coa paz sexual, que se afirma na igualdade; coa paz étnica, que se asenta na diversidade, ou coa paz histórica, que só se logra na verdade. Por iso traemos hoxe a Montecubeiro, por cada aldraxe do pasado, un cantar liberado; por cada tortura pretérita, unha flor de presente; por cada bala caduca un verso de futuro. Por isto, malia perderse unha guerra, que polo demais é algo que sempre se acaba perdendo sen remisión, gañaremos a paz.
Para finalizar, quero ler neste lugar unha vez máis, ante o penedo que lembra as vítimas do masacre de Montecubeiro promovido polo irmán dunha delas, Manuel Sarille Lanceiro, que agora segue vivo en nós, o poema “As tres mapoulas de Montecubeiro” e un fragmento alusivo á infausta matanza da composición “A loita continúa”:
AS TRES MAPOULAS DE MONTECUBEIRO
En memoria da humildísima Virxinia Meilán, das mozas Carmen Sarille e Manuela Graña, e das demais vítimas do masacre de 1937 en Montecubeiro (Castroverde)
Entre as medorras e os castros,
polos ríos e polos regos,
baixo os soutos e sobre as carballeiras,
onde pacen en paz vacas e ovellas,
o canto do estorniño doce entoa
o nome mártir de Manuela Graña.
Co vento dos cereais e a quietude do leite,
coa nabiza dos nabos e o grelo das nabizas,
coas patacas apañadas e as de debaixo da terra,
a conciencia medra como a herba e as árbores
para imporse clamando monte arriba
o nome noso de Carmen Sarille.
As sombras dos ameneiros e os salgueiros
nas ribeiras de flora flotante,
as carreiras dos corzos e dos lobos,
a verea dos xabarís e o voo das vacalouras
debuxan co fume de afumar chourizos
o nome amantísimo de Virxinia Meilán.
Entre os toxos, sobre a neve,
na seca e nas enxurradas,
tres mapoulas iluminan
noite e día Montecubeiro:
Virxinia, Carmen, Manuela.
Eran fermosas como pétalos.
Perduran como penedos.
*
Dende a memoria das mulleres e homes
asasinados na matanza de Montecubeiro
e nos masacres da Guarda e de Tui,
que encheron de sangue toda a terra
entre a montaña e o mar, (...)
contra o odio,
a loita continúa. 
Intervención no Acto Nacional de Desagravio das Vítimas do Franquismo celebrado en Montecubeiro o 13-10-2013