diumenge, 10 de gener del 2016

Sobre Luis Costa (Juan García Durán).

http://memoriadocarcere.com/2016/01/09/sobre-luis-costa/



O profesor Alonso Montero reflexiona sobre a obra de  Luís Costa García que tamén estivo preso no cárcere da Coruña desde o ano 1937 ó 1942, tempo sobre o que publicou o libro “Pola Libertade”.
Se non estou trabucado, ninguén, en Vilagarcía de Arousa, a súa patria, lembrou a Luís Costa García, que naceu nun fogar humilde, gañou o pan, moi novo, como carpinteiro, foi sempre leal ao ideario anarquista, padeceu anos de prisión e obtivo o título de doutor en Historia no ano 1975. Foi o eminente hispanista Pierre Vilar quen lle dirixiu a tese de doutoramento: Guerra Civil espagnole 1936-1939. Interventions sur mer. Morreu na cidade de Alacant en 1986, pero, dous anos antes, publicara na editorial Crítica, de Barcelona, o corpus bibliográfico máis completo, daquela, sobre a guerra do 36: La Guerra Civil Española. Fuentes. Archivos, Bibliografía y Filmografía.
Luís Costa García chamábase, na clandestinidade, Juan García Durán, nome que, xa autor de libros, utilizará sempre como nom de plume. A súa vida, a dun loitador libertario convencido e esforzado, semella novelesca. Aquel carpinteiro arousán defendeu, mozote aínda, a República e, por defendela, foi hóspede do cárcere da Coruña e do de Alcalá de Henares sete anos. Despois de tres anos de actividade clandestina (1943-1946), «cae» en Madrid nunha operación policial na que tamén caeron, entre outros, o nacionalista vasco Koldo Michelena e tres galeguistas, Ramón Piñeiro e os irmáns Cesáreo e Camilo Saco. O anarquista arousán logra fuxir da Policía, que, tras ferilo nunha perna, ingresouno nunha clínica da que tamén se fugou aínda que non tardou en ser capturado de novo. Tres anos despois, en 1949, fúgase da prisión de Yeserías (Madrid). A partir de aquí, un dilatado éxodo: Francia, Estados Unidos, Australia… Políglota, chegou a saber oito idiomas, o galego e o ruso entre eles.
Na prisión da Coruña, el e mais o doutor Francisco Comesaña, comunista, asistían, con moito aproveitamento, ás clases de gramática, latín e grego que impartía Cesáreo Saco, mestre nacional cun talento especial para a reflexión gramatical. O anarquista vai ser, algúns anos despois, alumno do mesmo profesor no cárcere de Alcalá de Henares. Conta Ramón Piñeiro nas súas Memorias: «Eu, por exemplo, daba clases de filosofía aos presos, e Cesáreo Saco, de gramática galega a uns corenta compatriotas? case todos comunistas».
Non se valora debidamente unha obra que García Durán publicou en México no ano 1962: Gramática española. Por qué la Gramática es una ciencia. Está dedicada a Cesáreo Saco, o seu mestre na prisión da Coruña.