dijous, 4 de juliol del 2024

O día a día dun republicano nun cárcere franquista, entre represión e fusilamentos

 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2024/07/03/span-langgl-dia-dia-dun-republicano-nun-carcere-franquista-represion-fusilamentosspan/0003_202407C3C6991.htm


O historiador Luís Lamela
O historiador Luís Lamela ANA GARCIA

O historiador Luis Lamela presentará esta tarde o seu novo traballo: a publicación das memorias de Domingo Antonio Quiroga, que pasou dous anos na prisión provincial da Coruña

03 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Espiral Maior Foro, en Carballo, acollerá esta tarde (20.00 horas) a publicación do último traballo do historiador corcubionés Luis Lamela, que recolleu as memorias que Domingo Antonio Quiroga escribiu durante os anos que estivo encarcerado na prisión provincial da Coruña. Membro das Irmandades da Fala e do Partido Republicano, así como masón declarado, era funcionario na Marina Civil antes de ser apresado. Ao saír, especializouse en temas marítimos e colaborou durante moitos anos con La Voz de Galicia, chegando a coordinar as súas páxinas de pesca. No 1973 foille concedido o Premio Fernández Latorre.

—Como coñeceu a historia de Domingo Quiroga?

—Coñecino a raíz da investigación que fixen para a monografía de Pepe Miñones, pois durante a República eran amigos e compañeiros de masonería. No 1991 acudín a el, pero era xa bastante maior e a súa saúde estaba deteriorada. Pasado o tempo, coincidín no Ateneo Republicano cun dos seus fillos, que sabía das investigacións que eu facía pola Coruña, e ofreceume as memorias de seu pai, que estaban sen publicar.

—Que recollía nelas?

—O que deixou escrito foi a realidade daqueles anos que pasou na prisión provincial da Coruña e a represión que sufrían os presos. Dos cárceres galegos só hai outras memorias que deixou un preso en Santiago, pero da Coruña non se sabía nada.

—E sobre que escribía?

—O seu día a día, esencialmente. El estaba encerrado nunha celda que estaba pensada para un só recluso, pero estaban nove ou dez. Ademais, el conta que estaba nun habitáculo que facía de teito para os que estaban condenados a morte. Tamén relata como os levaban a un campo fronte á prisión para fusilalos e como oía os disparos e mesmo o tiro de graza que lle daban despois.

—Temía ser el o seguinte?

—El en ningún momento foi condenado a morte, pero vivía cunha certa incertidume, claro, pois ás veces tamén paseaban a presos que non tiñan condena.

—Cando saíu do cárcere?

—Saíu entre o 40-41, pero aos poucos días volvérono deter pola súa condición de masón, aínda que estivo dentro pouco tempo. O problema é que el era funcionario, pero depurárono de traballo e despois atopouse con dificultades. Era outra forma de represión: quitarlles o medio de vida. Pero como el tiña moita vinculación co mar, logrou traballar como asesor dos armadores dos barcos de pesca, despois tamén o levaron para países sudamericanos e para Italia, e acabou asentándose na Coruña. Fixo colaboracións coa Voz durante moito tempo e asesorou a xente do mundo da pesca.

—Por que non publicou el mesmo os seus diarios?

—Ao ser republicano, estivo controlado durante moitísimos anos, vixiado. Non podía publicar as memorias porque irían contra el e non quería que os seus fillos sufrisen o que el padecera.