Entre o 21 de xaneiro e o 3 de febreiro do presente 2014 o Relator Especial da ONU sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, Pablo de Greiff, visitou o Estado español para "coñecer e valorar as medidas adoptadas polas autoridades" a respecto das "graves violacións dos dereitos humanos e do dereito internacional humanitario cometidas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista". De Greiff reuniuse con altos representantes do Goberno de España, cos
Executivos galego, catalán e andaluz e cunha morea de institucións académicas, caso da Universidade de Santiago, e de
organizacións de vítimas.
O representante das Nacións Unidas marchou "sorprendido" e "preocupado" pola actitude das autoridades e o vindeiro 10 de setembro presentará o seu informe final, que inclúe conclusións moi críticas e unha vintena de consellos para emendar a situación.
De Greiff coida que dende a fin da ditadura de Francisco Franco "predominaron discursos que opacan" as "complexidades" do acontecido, a comezar por "tratar todas as violacións" dos dereitos humanos como "unha amalgama de feitos violentos acontecidos no marco dunha contenda e tensións entre dous bandos opostos". Estas lecturas "parten dunha posición deliberadamente difundida polo franquismo" e contribúen a "asimilar as reivindicacións das vítimas con filiacións políticas e partidarias, en detrimento dunha consdieración de dereitos". "Os temas relacionados coa verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición non son un asunto de política partidista ou programas políticos particulares, senón principios e dereitos xerais que concernen a todos", advirte.
O relator da ONU cre que quen igualan os dous bandos da guerra "parten dunha posición deliberadamente difundida polo franquismo"
Simboloxía franquista que permanece nas rúas malia contradicir a Lei de Memoria Histórica, a permanencia do Valle de los Caídos como monumento ao ditador, carencias no ámbito da educación e, sobre todo, as grandes dificultades para levar os crimes franquistas ao ámbito da Xustiza son algunhas das materias pendentes identificadas nun relatorio que gaba especialmente o labor das asociacións de memoria histórica. As vítimas e as súas familias, sinala De Greiff no seu informe, son as que seguen mantendo acesa a loita por reparar os dereitos das persoas represaliadas e fano aínda que teñan que superar notables obstáculos para accións tan diversas como acceder a documentación militar ou darlles sepultura digna a quen foron asasinadas por mor das súas ideas políticas.
As 20 recomendacións
1. Amosar un compromiso decidido do Estado por darlle vixencia plena aos dereitos de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. "As limitacións de recursos poden reducir as capacidades do Estado", pero "non poden xustificar a inacción", di o relator.
2. Avaliar rigorosamente a aplicación da Lei de Memoria Histórica e o seu uso por parte das vítimas, en aras de axustar os modelos e medidas aos reclamos das vítimas, establecendo canles de comunicación entre as autoridades e as asociacións.
3. Incrementar e promover o contacto e a coordinación entre as institucións públicas de memoria histórica e asignar os recursos necesarios para o cumprimento das súas funcións.
4. Promover as actuacións na materia e coordinación entre o Defensor del Pueblo e as defensorías autonómicas.
5. Evitar "disparidades profundas nas leis relevantes ao tema" entre algunhas autonomías e o Estado, "asegurando unha protección igualitaria e homoxénea para todas as vítimas".
"Promover as iniciativas do Estado e da sociedade civil que aglutinen e respondan ás demandas de todas as vítimas"
6. Promover as iniciativas do Estado e da sociedade civil que aglutinen e respondan ás demandas de todas as vítimas de violacións de dereitos humanos e do dereito humanitario, inependentemente da súa filiación política ou da dos perpetradores.
7. Atender "de forma urxente" as demandas das vítimas en termos de verdade, establecer algún mecanismo para "oficializala" e resolver a excesiva fragmentación que caracteriza a construción da memoria en España. "Restablecer, se non aumentar, os recursos nesta materia". Este mecanismo oficial debe, segundo o Relator Especial, cumprir, "cando menos", coas seguintes funcións:
- Sistematizar a información existente.
- Superar a fragmentación e espallamento da información e dos esforzos.
- Trazar un plan ordenado das investigacións.
- Establecer metodoloxías e a homologación das mesmas.
- Acceder a arquivos e fondos documentais oficiais e non oficiais.
- Incluír un proceso oficial de validación, presentación oficial e diseminación das conclusións que ofreza un recoñecemento oficial ás vítimas.
- Promover a participación das vítimas e das súas familias no proceso e rexerse pola noción de dereitos, independentemente da identidade ou filiación política.
"Asignar os recursos necesarios para as exhumacións"
8. Revisar, consultando coas vítimas e as asociacións, o modelo actual onde o Estado delega a responsabilidade sobre as exhumacións. Asignar os recursos necesarios e asegurar a actuación das autoridades xudiciais en todos os casos.
9. Establecer unha política estatal de arquivos que garanta o acceso a todos os fondos para "axustalos aos estándares internacionais".
10. Sistematizar as iniciativas en relación cos símbolos e monumentos franquistas de conformidade coa lexislación vixente, "promovendo intervencións diferenciadas, a contextualización e resignificación de símbolos e monumentos cando non se recomende" a súa eliminación.
11. Aplicar as recomendacións formuladas pola Comisión de Expertos para o Futuro do Valle de los Caídos con, entre outros, medidas para "dignificar" as persoas que están alí soterradas e "resignificar o sitio" para que deixe de ser unha homenaxe aos franquistas.
12. Consolidar os esforzos realizados en materia de educación histórica e en dereitos humanos e establecer mecanismos de avaliación sobre a aplicación destse programas.
13. Fortalecer os programas de formación do funcionariado, incluído o Poder Xudicial e as forzas de seguirdade, en materia de dereitos humanos e incorporar materias relacionadas coa historia da Guerra Civil e do franquismo, "incluíndo o estudo das responsabilidades das institucións do Estado nas violacións graves dos dereitos humanos".
14. Ampliar o recoñecemento e a cobertura dos programas de reparación para incluír todas as categorías de vítimas. Tomar medidas para atender as peticións de restitución de propiedades e documentos incautados a particulares.
"Ampliar os estudos existentes sobre as violacións dos dereitos das mulleres e desenvolver medidas de reparación e recoñecemento especial do dano que sufriron"
15. Ampliar os estudos existentes sobre as violacións dos dereitos das mulleres e desenvolver medidas de reparación e recoñecemento especial do dano que sufriron, incluíndo a violencia sexual, agresións, humillacións e discriminación en represalia pola súa filiación real ou suposta ou a das súas familias e parellas.
16. Identificar mecanismos idóneos para anular as sentenzas adoptadas en violación dos principios fundamentais do dereito e do debido proceso durante a Guerra Civil e o franquismo.
"Privar de efecto as disposicións da Lei de Amnistía que obstaculizan todas as investigacións"
17. Valorar as alternativas e privar de efecto as disposicións da Lei de Amnistía que obstaculizan todas as investigacións e o acceso á xustiza sobre as violacións graves dos dereitos humanos.
19. Promover unha maior conciencia sobre as obrigas internacionais en materia de acceso á xustiza, o dereito á verdade e as garantías do debido proceso e darlle expresión institucional a esas obrigas.
20. Asegurar a colaboración da xustiza española con procedementos xudiciais no exterior e tomar medidas contra o debilitamento do exercicio da xurisdicción universal por parte de tribunais españois.