dilluns, 19 de novembre del 2012

Lugo lembra o papel da muller no galeguismo

http://estacionatlantica.blogspot.com.es/2012/11/lugo-lembra-o-papel-da-muller-no.html


SEGUNDA-FEIRA, 19 DE NOVEMBRO DE 2012


Primeiras mulleres votando na Coruña
 
Os actos de celebración do 94º aniversario da Asembleia Nazonalista de Lugo, organizados pola A. C. Cultura do País, contaron cunha charla coloquio sobre “A participación política das mulleres durante o primeiro terzo do século XX. O galeguismo” a cargo da historiadora Isabel Rodríguez.
 
Sermos Galiza - A.E.- 18/11/12
Esta fin de semana celébrase o 94º aniversario da Asembleia Nazonalista de Lugo na que se asinou o Manifesto nazonalista, o documento común do noso nacionalismo até a chegada dos golpistas e a posterior ditadura. Participaron un total de 63 persoas, a maior parte procedentes da Coruña, con representación de 67 sociedades agrarias, 5 centros culturais; e a adhesión de 5 federacións agrarias, 11 concellos, máis de 49 Asociacións e numerosas personalidades. Fora no hotel Méndez Núñez os días 17 e 18 de novembro de 1918, ao amparo das Irmandades da Fala, e marcou o inicio do nacionalismo galego moderno.

Actos en Lugo
Asociación Cultura do País organizou, por cuarto ano consecutivo, os actos de conmemoración do aniversario da Primeira Asemblea Nacionalista. Nesta ocasión a actividade centrouse na participación política das mulleres naqueles tempos, un aspecto ao que se adoita dar pouca relevancia. Consistiron cunha ofrenda floral diante do Hotel Méndez Núñez, sé da Asemblea Nacionalista, e unha charla charla-coloquio no Lar da Cultura do País, sobre “A participación política das mulleres durante o primeiro terzo do século XX. O galeguismo” a cargo da historiadora Isabel Rodríguez Mate.
 
A participación da muller
Na charla celebrada en Lugo, Isabel Rodríguez apuntou que na propia Asemblea non participou ningunha muller, mais nomanifesto asinado recoñecíase no capítulo terceiro artigo segundo, “a igualdade de dereitos para a muller” e foi na II Asemblea de 1919 cando se recolle a “igualdade absoluta, política e civil, da muller co home”.
 
Sobre a presencia de mulleres no daquela Partido galeguista, Isabel Rodríguez lembra os datos aportados polo historiador J. G. Beramendi, e afirma que “a porcentaxe de mulleres afiliadas foi escaso en todo o período, representando aproximadamente, salvo algunhas excepcións, entre un 3 e un 15% do total”.
 
Unha das fontes onde atopamos referencias ás actividades das mulleres neste colectivo foi o xornal A Nosa Terra. “En 1933 creouse unha efémera sección titulada “O recanto da muller”, na que se fixeron ouvir Carmen Lobeiras, Elvira Bao, María Santos ou Xaquina Trillo”. A historiadora sinala que foi nesta publicación onde se divulgaron dous Manifestos de mulleres vinculadas ao Partido Galeguista de Ourense e ás súas Mocidades. “Tamén sabemos da existencia dun importante colectivo de mulleres santiaguesas, que en 1934 enviaron un telegrama asinado por María Xesús Otero de Gándara á Asemblea Constituínte da Unión de Mocidades Galeguistas”.
 
Para Isabel Rodríguez “o galeguismo deste período, malia ter perpetuado algúns dos roles tradicionais asignados aos xéneros, contribuíu a normalizar e a impulsar a presenza política das mulleres”.
 
Imaxes: Prensa da época facilitada por Isabel Rodríguez