dimarts, 20 de novembre del 2012

Carta aberta a un neno de dez anos


http://estacionatlantica.blogspot.com.es/2012/11/carta-aberta-un-neno-de-dez-anos.html

SEGUNDA-FEIRA, 19 DE NOVEMBRO DE 2012


 Lugar de paseos. A Paxase-Vincios
Foto: Telmo Comesaña
Texto cedido polo autor

Limiar
O  día 19 de marzo do 2005, na páxina de opinión de Faro de Vigo apareceu unha columna do avogado e exconcelleiro do Concello de Vigo polo Partido Popular Ramón Cortegoso, na que contestaba ás preguntas do seu fillo de 10 anos: (Papá Franco morreu onte?). Ramón explicoullo do xeito dos que queren tapar o pasado da España de chumbo e sangue.
Carta aberta a un neno de dez anos
Neno querido: eu, que xa son vello e xa que logo outra volta  neno, tamén me pregunto  “Franco morreu hoxe?. Ti, querido neno, tes un pai a quen lle-lo podes preguntar, ainda que o que che contesta, a min dame medo.
Eu, querido neno, nunca lle-lo puden preguntar o meu, porque él, José Comesaña Pérez foi asasinado o dia 6 de outubro do 1936, xuntamente co seu irmán Antonino, o seu curmán Emilio Comesaña e o seu amigo Fernando Costas. Un mes despois asasinaron a Adolfo Monroy e Gildo Andrés.
Querido neno: aquí non houbo guerra; asasinouse ós “ROJOS”. Agora mesmo non che podo decir quenes eran os “rojos” porque nin eu mesmo o entendo.
Querido neno: aquí en Alcabre, de seis homes asasinados quedaron cinco mulleres viuvas e vinte orfos. A mais, a duas fillas dun deles rapáronlle-lo cabelo. Destrozaron familias. Quedamos aldraxados, sin consolo e sin axudas ........ e ainda ninguen nos pediu perdón.
Querido neno: teu pai, Ramón Cortegoso non cho supo explicar, ou non o sabe, ou non o quer saber porque posiblemente forme parte desas familias de paseadores que queren tapalo pasado dos seus devanceiros e dos crimes que cometeron.
Querido neno: explícalle a teu pai e a outros como él, que Franco morreu  pero que hai moitos que votan de menos a ditadura, para seguir a pornos tesos ós que non cantamos o “cara al sol”, e ós que queremos vivir nun país laico e ceibe.
Querido neno: teu pai laiase porque en Madrid desmontaron ó burro do cabalo; e eu dígoche, que os agasallos son para os homes de bén, e non para os asasinos.
Querido neno: cando seas máis grandiño eu serei máis neno, ou xa non serei; si ainda son, eiche suxerir que tódolos símbolos feixistas, incluidos os que están pendurados nas paredes das igrexas os leven o “valle de los caídos” e que o declaren MUSEO DO HORROR da ditadura franquista. Alí, querido neno, está soterrado Franco, mais un tal José Antonio Primo de Rivera; o que nunca che contará teu pai é, que esa obra fíxose con homes esclavos, cheos de fame e de miseria, e que moitos deles deixaron alí a sua vida. O delito destes homes era ser demócratas.
Querido neno: agora que sei que existes nunca me esquecerei de ti.
Telmo Comesaña Pampillón           20/03/05
Esta carta foi entregada en Faro de Vigo, rúa Colón o dia 21 de marzal. Foi censurada e non pubricada.
Esta é a segunda carta que me censura  Faro de Vigo