https://www.atlantico.net/redondela/montse-fajardo-san-simon-houbo_1_20250216-3413898.html
A investigadora explica que a illa foi un dos campos de concentración con máis mortalidade do país durante o franquismo
A historia da illa de San Simón tivo moitas etapas, pero sen dúbida a máis polémica é o período no que foi prisión, ou campo de concentración, franquista. Montse Fajardo, xornalista, escritora, investigadora e membro da directiva de Iniciativa Galega pola Memoria, foi unha das persoas que asinou recentemente o manifesto "A verdade non se debate", no que os historiadores se dirixen ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por amparar a un deputado do seu partido que afirmara en sede parlamentaria que “non lle constaban mortos en San Simón”.
"Hai historiadores, como Gonzalo Amoedo, que constataron máis de 500 mortes na propia illa, ademáis dun fusilamento de cinco presos traídos pola caída do fronte norte. A maior parte das persoas que morreron eran as de máis idade, que faleceron debido ás condicións de fame e polas enfermidades", explica a investigadora.
Non obstante, estas non son as únicas mortes vinculadas co arquipélago redondelano. Fajardo explica que a illa "foi a antesala de moitas máis mortes". "Moitas veces liberaban presos que falecían ese mesmo día na súa casa. Foi o caso de José Luces Iglesias, que apareceu sen vida na súa casa o mesmo día da liberación polo mal estado de saúde que tiña", detalla.
Como balance, a investigadora asegura que San Simón tivo o maior número de mortes que calquera outra prisión, superando a prisión do Mosteiro de Celanova, que tivo 84 defuncións, ou que o forte de San Cristóbal, en Navarra. Ademais, incide en que “hai un empeño en recordar a parte onde San Simón non foi prisión”.
A memoria dos falecidos é outro dos puntos que preocupa a Fajardo. "A nivel persoal non vexo razoable facer ningunha actividade na illa sen ter en conta que foi un campo de concentración, é como se o fixeran en Auschwitz. Ademais, hai que ter en conta que é un Ben de Interese Cultural e a transferencia do Estado á Xunta di que non se poden facer actividades de interese comercial, onde as empresas se lucren, en San Simón", precisa antes de comentar como a neta dun preso andaluz que morreu na illa e que acudira a un acto asegurou que as actividades lúdicas no arquipélago lle parecían perturbadoras.
O fin da simboloxía
O Colectivo Republicano de Redondela solicitou ao Concello de Redondela que retire a simboloxía franquista existente en diferentes igrexas e elementos da arquitectura local, así como posibles condecoracións a persoas vinculadas ao franquismo. Estas reivindicacións están amparadas pola Lei de Memoria Democrática e buscan retirar das rúas de Redondela os símbolos e actos que glorifiquen a ditadura.
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada