Desde que estalla o golpe de estado marcha ao monte e únese á guerrilla. En 1949 foi apresado e torturado. Sometido a Consello de Guerra na Coruña, foi condeado a morte e conmutóuselle a pena a trinta años por ser menor de idade.
Ingresa no cárcere da Coruña en maio de 1949. E segue un periplo polas cadeas de España: Palencia, penal de Dueso en Santander, Santoña, Palencia, Segovia, Carbanchel, Alcalá, Madrid, hospital penintenciario de Cuéllar e de novo a Madrid ó penal de Yeserías onde foi excarcerado o 11 de maio de 1959. Pasou dez anos de penalidades nas prisións franquistas.
Infancia
Naceu en 1932 en Sandiás (Xinzo de Limia-Ourense). Fillo de Jesús de Dios de Dios e Carmen Méndez Seguín, a súa infancia transcurríu entre levar o gando e a escola. A súa familia era acomodada: “tiñan catro bois, seis vacas, un cabalo, un burro de parada, unha besta ao servicio da casa e unha empresa de cacao”.
Os pais ingresan no partido comunista no ano 1934 despois de asistir a un mitin de Benigno Álvarez.
Todo o perderon co golpe de estado. Foilles requisada pola falanxe a casa e todos os enseres e os pais tiveron que escapar. O neno Camilo, con cinco anos , e o seu irmán Perfecto, foron vivir cos seus avós. Cando regresa o pai xa viña enfermo: “Tiña reuma ao corazón, non podía respirar de noite”. Morre pouco despois, no ano 1943.
Conciencia política
Cando tiña doce anos, Camilo recorda xa ter conciencia política. El, e a súa familia, empezan a colaborar cos que estaban fuxidos no monte. Como consecuencia diso a súa mai Carmen recibiu moitos golpes da Garda Civil.
Camilo faise das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU) xunto ao seu irmán Perfecto despois de contactar con Máximo Novoa e o seu pai Juan Novoa, responsable do Partido Comunista, e co seu primo Manolito. Alí, en Ourense, organizaron as JSU.
Incorporación á guerrilla
“Viñeran uns gardas a mexar diante da nosa casa, era a primeiros de 1947”, comenta. E Camilo decidíu escapar ó monte.
Alí no monte estaban organizados en grupos de cinco ou seis e dormían nas casas dos apoios. A vida transcurría con moitas dificultades: comida, aseo, incluso de intendencia -roupa, zapatos…- pero tiñan axudas de todo tipo de xentes que podían mercar roupa sen resultar sospeitosos.
Conta Camilo que na guerrilla estaban socialistas e comunistas: “Nunca había discusión entre nós; os obxectivos eran Franco e a República. Os da fiscalía de taxas e as forzas vivas do pobo -relata– ían ás casas a requisar todo o que lles parecía, pero eses eran sancionados pola guerrilla”. Durante a vida no monte formábanse “politicamente e culturalmente”. Era habitual que explicasen aos veciños as accións: “Tocaban as campás da igrexa e cando acudía todo o pobo explicábaselles”. Afirma que “había veciños que colaboraban por idealismo pero outros facíano por diñeiro porque pagabamos por comer e durmir”.
En xullo de 1948 formaron un grupo que, despois de atravesar toda Galicia, intentaron liberar aos líderes guerrilleiros condenados a morte, José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, que agardaban no cárcere da Coruña.
Detención
En marzo do 1949 foi detido en Ourense e entregado á Garda Civil, onde estivo“durante cincuenta e nove días” (desde o 19 de marzo ao 15 de maio de 1949) atado con grilletes de pés e mans e atado ao seu compañeiro Antonio Pérez Barreiro.“Fomos sometidos a todo tipo de torturas; os amarres das argollas mancábanos moitísimo, estivemos sen roupa para cambiarnos, sen nos poder lavar, cagabamos nunha lata de sardiñas, os dous enganchados e deitados no chan frío, metéronnos clavos entre as uñas das mans e dos pés”, relata. Despois levárono á Coruña.
No cárcere da Coruña
Na Coruña estivo tres meses incomunicado e logo pasárono á galería de “sociales” (presos políticos). Alí estivo desde maio de 1949 ata abril de 1950. Foi condenado a morte nun Consello de Guerra que se celebrou na Coruña, e quedou incomunicado na prisión.
“Na Coruña foi horrible, déronme moi mal de comer, os condenados a morte estaban moi mal alimentados. Tiñan 1,50 pesetas de presuposto por preso e descontábannos a auga, a luz e a roupa, manta e colchoneta. Os condenados tiñan 3 pesetas e tamén os enfermos que ademáis do rancho tiñán tamén patacas”, comenta.
“Era moi triste, pasamos alí moita fame e miseria. Había un director que debía ser da Mariña, Miguel Cuadrillero Angulo, un tipo militar que quería que o chamaran ‘usia’ e levaba entorchados dourados. Había tamén un cabo de vara, Coronado e facía desfilar todos o días polo patio a unha banda de cornetas e tambores -que eran presos- “
Na Coruña –engade– estaba un preso maño que se chamba Delfín Conejo, era barbeiro do PC e viñera do valle de Arán; de Ferrol estaba Beceiro, que tiña unha fábrica de xabóns; tamén había outro de Ferrol que era o dos viños Savin, que despois levou a fábrica a Betanzos; de Curtis estaba José Ramón Lagares do PC era cabo de varas de Exército e estaba tamén a filla que era moi nova”.
Alí estaba tamén José María Saavedra que pasou a noite antes de ser axusticiado acompañado por Camilo. Unha noite longa e triste. O condenado regaloulle cinco pesos e un reloxo de bolsillo. Era socialista, foi morto a garrote vil, “non quixo marchar cos outros socialistas a Francia”.
Os días facíanse eternos. Desde a celda pediu algo para ler e o funcionario tróuxolle un libro, parece ser que o primeiro que viu. Chamábase “La vida de los topos”. Camilo leuno enteiro, unha e outra volta, sabía todo sobre as enfermidades das toupas, a reprodución, os costumes.. “Aprendino de memoria”. Despois pediu outro que era máis interesante, pero non era o máis axeitado para ler en prisión, era sobre Concepción Arenal e sobre a vida dos presos. “O funcionario traía calquera cousa con follas”, decía Camilo
Outras prisións
Desde a Coruña foi levado a El Dueso, onde podían ter un terreniño para cultivar. Alí enterouse da morte do seu irmán Perfecto nun enfrontamento coa Garda Civil e do encarceramento da súa nai . Dalí foi a Santoña, Palencia, Segovia, Carbanchel, e penal de Alcalá de 1952 a 1957, Madrid.
Durante eses anos coincidiu con dirixentes históricos de diferentes partidos, especialmente do PC: Marcos Ana, Zapirai, Miguel Núñez, Lucio Lobato, Simón Sánchez Montero, Gregorio López Raimundo e Manuel Barros.
Dalí de novo a Segovia, onde exhausto e enfermo, foi ingresado en Cuéllar no hospital penitenciario cunha pulmonía, froito da fame e do frío.
Camilo de Dios coñeceu o horror das cadeas de Franco, a fame e os sufrimentos, pero tamén a solidariedade e colaboración dos compañeiros. Un home curtido nas dificultades da vida no monte en constantes enfrontamentos cos corpos armados do franquismo foi quen de sobrevivir nese inferno.
Saída do cárcere
Saiu da prisión de Yeserías o 11 de mayo de 1959. O primeiro que fixo foi facerse un traxe. Despois marchou colaborar con Paco Martínez Salve no Pozo de Tío Raimundo en Madrid, e traballou de encuadernador.
Volveu ao seu pobo natal e seguiu en actividades políticas e sociales, na organización das Comisións Campesiñas e na reorganización do PCE na provincia de Ourense.
Colaborou na campaña Non pagar para rexeitar a cota sindical agraria. Foi de novo ao cárcere xunto con Manuel Peña Rey e Carlos Barros. Foi tamén concelleiro en Sandiás e Xinzo de Limia.
Colaborou na campaña Non pagar para rexeitar a cota sindical agraria. Foi de novo ao cárcere xunto con Manuel Peña Rey e Carlos Barros. Foi tamén concelleiro en Sandiás e Xinzo de Limia.
Hoxe vive en Sandiás e sigue en pé.
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada