divendres, 13 de febrer del 2015

A loita de ‘O Piloto’, o último guerrilleiro anti-franquista galego, revive nun documental


http://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/loita-piloto-ultimo-guerrilleiro-anti-franquista-galego-revive-nun-documental/20150212182835034904.html


Xosé Reigosa produciu e dirixiu un traballo guionizado polo xornalista chantadino Afonso Eiré e para o que entrevistaron a medio cento de persoas e acumularon máis de 100 horas de rodaxe.Por primeira vez saen á luz o nome dos gardas que o asasinaron perto de Belesar, así como documentación inédita.
A.V.

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu a presentación do documental sobre a vida de José Castro Veiga, O Piloto, un dos últimos membros do Exército Guerrilleiro Galego. O proxecto, que foi apadriñado pola Asociación Cultural Dous Punto Oito, foi dirixido polo fotógrafo Xosé Reigosa e guionizado polo xornalista chantadino Afonso Eiré. Canda eles participou na presentación Mario Outeiro, responsable de Cultura da Deputación de Lugo.
Afonso Eiré asegurou que O Piloto foi “moito máis que o último guerrilleiro morto en combate, xa que é unha lenda que, 50 anos despois da súa morte, está presente no pobo”, afirmou. Así mesmo, avanzou que na realización deste documental descubriron “novos aspectos totalmente descoñecidos sobre a súa figura e tamén nos encontramos con moitas cousas sobre a súa persoa que non son verdade.  Este era un dos nosos obxectivos, desentrañar o que hai de verídico e o que de construción social”, asegurou. Eiré tamén recordou que “a guerrilla galega foi a primeira en organizarse e tamén a última en depoñer as armas”, relatou.
De por parte, Xosé Reigosa achegou varios detalles sobre a produción deste traballo: “Foi un traballo bastante intenso, xa que fixemos máis de medio centro de entrevistas e contabilizamos 100 horas de rodaxe, completando máis de 8.000 quilómetros entre os dous. Comezamos a traballar a finais do verán de 2013 e ocupounos todo o 2014; en total, preto dun ano e medio de documentación, gravación e edición”, aclarou. Reigosa quixo agradecer o apoio da Deputación “e moi especialmente por Mario Outeiro, xa que son consciente de que fixo bastante forza para que este proxecto saíse adiante”.
Mario Outeiro explicou que a “a Área de Cultura apoiou economicamente a elaboración deste documental, que relata a vida de José Castro Veiga, nacido no Corgo e coñecido por ser o último guerrilleiro da loita antifranquista, sendo asasinado pola Garda Civil preto da presa de Belesar”.
Reigosa comentou que o documental “comeza cunha introdución na que se contan as últimas horas do Piloto, ata cando o matan preto de Belesar” e relatou algúns dos problemas cos que se atoparon á hora de levar a cabo o traballo. “Por un lado está a ausencia de imaxes, xa que daquela moitas foron destruídas porque para os seus posuidores podían ser comprometedoras á hora de relacionalos coa guerrilla e hoxe en día, a pesar de que xa pasaron 70 anos desde a Guerra Civil, aínda hai moita xente que non quere falar daqueles acontecementos por vergoña”, manifestou.
Finalmente, Eiré incidiu na vinculación política do Piloto. “Nin foi un bandoleiro, nin foi un escapado, nin andaba polo monte. Foi un político que non tivo máis remedio que coller as armas para defender a legalidade republicana, primeiro, e logo aos máis necesitados, tratando de que os abusos e as inxustizas minguasen ou non se levasen a cabo en moitos casos”, xustificou.
Asemade, o xornalista chantadino anunciou que no documental “saen á luz por primeira vez os nomes dos gardas que participaron na súa morte e cóntase como o abateron”, así comoa entrevista que lle fixo no ano 1979 a Ramona Curto, Mirelle, a compañeira sentimental do Piloto, xa falecida, e as confidencias que lle fixo nos anos posteriores: “Como daquela non tíñamos bos medios para gravar a voz, reprodúcense a través da actriz Comba Campoy”. O actor Ramón Rodríguez Porto é o encargado de darlle vida ao Piloto.
O documental será presentado ao público o vindeiro venres día 20 de febreiro ás oito da tarde, cunha proxección salón de actos do Pazo de San Marcos