dimarts, 17 de juny del 2014

“Amoeiro 1936. A Barbarie Silenciada”. Un texto indispensable

http://www.amoeiro.es/amoeiro-1936-a-barbarie-silenciada-un-texto-indispensable/20140616.html



Share Button
Libro BarbarieNa primavera de 1931 floreceu a democracia nas terras de Amoeiro. E da man de persoas valentes e xenerosas prendeu a ilusión dun pobo, acontecendo un cambio sen igual que os ata entón dominantes non puideron soportar.
Pouco máis de cinco anos despois, no estío do 36, forzas militares golpistas e os seus adláteres facciosos executan un xenocidio planificado, no que tamén deron cabida ás retesías persoais para colmar a sede de vinganza dos máis crueis.
Os que enxalzaron a vangarda do progreso, a primacía dos intereses públicos, o laicismo e a igualdade –ou, simplemente, quen expresaba a súa simpatía cos representantes destes ideais-  foron sinalados e feramente perseguidos ata aniquilalos ou silencialos. Execucións sen xuízo, mortes en penais, violacións e abusos de toda índole, torturas, encadeamentos e traballos forzosos, usurpación de bens, fuxidas e abandonos do país, longas ocultacións en escondedoiros, marxinación … formaron parte dun infinito catálogo de terror que asolou os Chaos de Amoeiro.
Setenta e oito anos despois, Xosé Lois Carrión, Javier Quintas, Xosé Manuel Cid e Raúl Soutelo achégannos dende a súa perspectiva experta e comprometida ás conquistas sociais, educativas e de valores alcanzadas no Amoeiro da II República. E tamén nos confrontan cun inadmisible silencio cómplice que agora toca o seu fin.
Co título “Amoeiro 1936. A Barbarie Silenciada”, o Concello de Amoeiro e a Fundación Luís Tilve editan unha obra indispensable para coñecer a realidade naquela turbulenta época no noso municipio e na súa contorna.
O texto foi entregado gratuitamente ás familias dos homenaxeados e ás das vítimas da represión en Amoeiro. Nun futuro próximo tamén estará a dispor do resto da cidadanía, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio.
Quen queira dispor de exemplares debe indicalo ó enderezo electrónico da alcaldía (alcaldia@amoeiro.es), dende o que se lle indicará o estado no que se atopa a súa solicitude.