dissabte, 6 de desembre del 2025

Xulio Prada, catedrático de Historia Contemporánea: «Os indicios din que na costa pontevedresa foi onde máis rapas de mulleres houbo durante a guerra civil»

 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/vilagarcia-de-arousa/2025/12/06/span-langglos-indicios-din-na-costa-pontevedresa-foi-onde-mais-rapas-mulleres-houbospan/0003_202512A6C3991.htm


xacobe lamasVILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Prada, uno de los mayores expertos en Galicia sobre el franquismo, en el acto de ayer en el auditorio de Vilagarcía
Prada, uno de los mayores expertos en Galicia sobre el franquismo, en el acto de ayer en el auditorio de Vilagarcía MONICA IRAGO

Vilagarcía acolleu un coloquio sobre a violencia e coerción contra as mulleres durante o franquismo

06 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocatedrático en Historia Contemporánea Xulio Prada, tamén decano da facultade de Xeografía e Historia de Ourense, participou onte nun coloquio sobre a represión das mulleres durante o franquismo na provincia de Pontevedra. No acto celebrado no auditorio vilagarcián tratáronse temas como as violacións e rapas durante a guerra civil ou o control social durante a ditadura.

—Que caracteriza a represión franquista na comarca do Salnés?

—O que determinou a virulencia da represión en moitas comarcas galegas foi a asistencia de locais aos actos de repulsa do golpe de Estado que se deron nas grandes cidades. Nas vilas do Salnés a pouca xente lle deu tempo a desprazarse a Pontevedra, salvo algúns sindicalistas ou líderes de partidos integrados na Fronte Popular. Os meses de maior violencia, con detidos e asasinados, foron entre o verán do 36 e a primavera do 37. Chegado ese punto, nas zonas que levaban dende o comezo da guerra baixo o poder franquista optouse por priorizar a «corrección por vía gobernativa», é dicir, as detencións sen acusación mediante, e reservar a pena de morte para os fugados, co obxectivo de alixeirar a carga dos tribunais militares.

—E a represión contra as mulleres?

—As mulleres sufriron tanto a represión común a homes e mulleres, como a sexuada. Aínda que non eran a maioría, había mulleres afiliadas a partidos, o Comité Feminino contra a Guerra e o Fascio, nesta comarca integraban os sindicatos da conserva... É certo que neste tipo de represión os prexuízos de xénero dos propios golpistas supuxeron unha penalidade menos grave entre as mulleres. En Galicia so se asinaron dúas execucións de mulleres, aínda que se contamos as paseadas, foron 71, que representa so un 5 % dos asasinados. Na provincia de Pontevedra foron 22.

Por outra parte, están as violacións, imposibles de contabilizar. Se hoxe xa é difícil denuncialas, máis nunha sociedade na que un feito así supoñía unha deshonra para a muller. As mulleres tamén foron vectores de execución da violencia transitiva: castigábase as mulleres cando non se podía dar cun home vinculado a ela, un marido ou un irmán, ou cando axudaban a fuxir a alguén, confiando en que iso fixese aparecer ao perseguido. E logo estaban as rapas.

—Eran habituais na zona?

—Igual que as violacións, son difíciles de contabilizar, a documentación cita poucos casos. O xeito de estudalo é a través de testemuños, dado que eran actos públicos: verdugos, sinaladores, espectadores que acudían ben por medo ou por consideralo un divertimento. A reconstrucións destes relatos é complexo. Cando comecei a recoller os primeiros testemuños nos anos 80, parecía algo excepcional. Facendo o mesmo exercicio no ano 2000 semella que en lugares como Marín, de onde mesmo conservamos dúas fotos de mulleres rapadas, era algo cotiá. Por como relatan estes feitos os testemuños da zona, todo apunta a que a costa da provincia de Pontevedra foi un dos sitios onde máis rapas se produciron. En localidades do Salnés como Vilagarcía ou Cambados si que hai testemuños de rapas no verán do 36.

—Como tiñan lugar?

—Hai infinidade de variedades. Adoitaba correr o rumor antes de que sucedese. Logo, un grupo de milicianos sacaban á muller da casa, ou mesmo do cárcere, e era arrastrada ata un lugar público, atraendo as miradas, para que servise de humillación. Ás veces obrigaban a outra muller a rapala ou ao barbeiro da vila.

—Como evolucionou a represión tralo fin da guerra?

—Pasados os anos a represión diminúe en termos absolutos, salvo en zonas e momentos concretos nos que aparecen a guerrilla e volven aplicarse actos de guerra, paseos, violacións... Polo demais, as mulleres durante a ditadura convértense case que en menores de idade, necesitando a sinatura de pais e maridos para calquera acto legal e relegadas a un papel moi concreto na sociedade. Pero xa non estamos falando tecnicamente de represión, senón de algo, na miña opinión máis perverso. Coerción ou control social.

—E iso non é represión?

—Os historiadores non deberiamos empregar o mesmo termo para falar dun asasinato ou unha violación que para falar de que as mulleres non podían entrar nun bar. Porque alguén que non é experto e é escéptico pode atopar aí un argumento para dicir «Pois non sería tan grave». A coerción foi un fenómeno menos gravoso que os asasinatos, claro, pero mentres os segundos afectaron a unha parte das mulleres, o primeiro afectou a tódalas da sociedade. Colectivamente é máis grave e creo que máis perverso.