dilluns, 23 de maig del 2016

A memoria do cárcere da Coruña, un fío de historias de represión e resistencia


https://memoriadocarcere.com/2016/05/22/a-memoria-do-carcere-da-coruna-un-fio-de-historias-de-represion-e-resistencia/



Artigo de Marcos Pérez Pena en PLAZA.GAL sobre o blog Memorias do cárcere
“O outro día estaba cunha familia, que coñezo dende hai tempo. A muller é filla dun avogado moi coñecido que estivo preso na prisión da Coruña. Contaba, diante dos seus fillos, que ‘era terrible ir á comisaría, aquela música era terrible’. ‘Que música, mamá?’. ‘Aquela música que poñían na comisaría, poñían música clásica moi alta para que non se escoitasen os berros das persoas ás que estaban torturando’. E foi aí cando unha das súas fillas tivo unha revelación: “Entón era por iso que nunca nos deixaches escoitar música clásica na casa?”.
Carmen García-Rodeja coordina o blog Memoria do Cárcere, un proxecto impulsado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e polo Proxecto Cárcereque dende hai uns meses, semana a semana, vai relatando as experiencias persoais dos centos de presos políticos que pasaron pola prisión provincial, co obxectivo de “dar voz aos que alí sufriron, lembralos, nomealos, contar a súa historia entendemos que é un deber cidadán”.
“A través da historia dun preso, vas tirando dun fío e saen moitísimas historias. Foi moitísima a xente que pasou por esta prisión. Veciños, amigos, cando vas preguntando vas sabendo cousas. Para moitas persoas supuxo un antes e un despois, e tamén para as súas familias. E despois está a gran cantidade de persoas que mataron alí, no Campo da Rata, ou na propia prisión, a garrote vil, ademais daqueles que subían nun coche e desaparecían para sempre”, destaca Carmen García-Rodeja, que expresa a súa confianza en que os contidos destes espazo virtual, formado xa por ducias de historias persoais, acompañadas de documentos inéditos, poidan conformar nalgún momento unha exposición física, no propio recinto da prisión, aínda propiedade do Ministerio do Interior.