diumenge, 5 de febrer del 2017

Os sufrimentos dos 500 escravos republicanos nunhas das minas máis duras de Galicia

http://historiadegalicia.gal/2017/02/os-sufrimentos-dos-500-escravos-republicanos-nunhas-das-minas-mais-altas-de-galicia/

Traballadores nunha mina de wolframio nos anos 40 /venustastu.wordpress.com

O

Casaio. Ese nome quedou gravado na memoria de moitos presos republicanos. En Casaio, aldea de Carballeda de Valdeorras situada a máis de 1.200 metros, estivo situado unha das minas de wolframio máis importantes e duras de Galicia. E tamén unha das máis duras. Alí, case medio milleiro de presos republicanos tiveron que purgar as penas traballando gratis e en duras condicións. Eran os escravos dos réximes fascistas de Hitler e Franco.
A extracción de wolframio en Casaio comezou con capital belga (1913-1928). Posteriormente, pasou a mans dos alemáns, que as traballaron en dous períodos (1937-1945, coincidindo coa II Guerra Mundial) e 1954, durante a Guerra de Corea. Antes de pechar as súas portas en 1963, o xacemento foi traballado polos empresarios da zona.
Pero o gran período das minas de Casaio coincidiu co terror franquista e nazi. E é esa época a que tentou recrear Isidro García Tato, científico titular do CSIC no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento en ‘El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras)’. A obra, froito de 15 anos de investigación e que consta de case 800 páxinas, foi presentada este xoves en Santiago.
García Tato céntrase, especialmente, no destacamento penal que alí traballou desde a súa fundación, no mes de setembro de 1942, até o seu peche a principios de xullo de 1944. Neste destacamento, situado nun dos puntos máis orientais de Galicia, redimiron penas polo traballo 463 penados, todos eles excombatentes republicanos na Guerra Civil, procedentes de case toda a xeografía española, que foron condenados a 20 ou 30 anos.
Instalacións das minas de Casaio nos anos 40, cando había un destacamento pena republicano traballando alí / mve2gm.es
“Nin cinco galegos”
Este traballo, segundo explicou o autor, iníciase cunha exposición da evolución histórica das explotacións de wolfram en Valdeorras e presta especial atención á fase alemá, de 1938 a 1945, período durante o cal tivo lugar a creación do destacamento. Expón os motivos que levaron á creación dun centro penal nesas minas e, ademais, presenta a evolución do número da poboación recluída e o réxime penal.
Os 463 presos republicanos que estiveron nesta explotación procedían de case toda a xeografía española, sobre todo de lugares como Andalucía e Madrid. De todos eles, García Tato dá conta de “moi poucos galegos”, segundo as súas cifras, “nin cinco”.
O medo á “gran evasión”
A obra aborda as causas da supresión do destacamento a partir de varias fugas de reclusos que tiveron lugar a finais de xuño e principios de xullo de 1944, grazas á “certa euforia” xerada polo desembarco de Normandía e as noticias que, dificilmente, chegaban ao lugar a través da onda curta.
Tamén examina a relación dalgúns dos reclusos cos maquis e finaliza cunha breve referencia á xunta local de servizo de liberdade vixiada do municipio de Carballeda, constituída en 1943 para controlar e regular a poboación en liberdade vixiada que seguiu traballando nas minas e nunha filial de Renfe dedicada á talla, construción, transporte polo río Casoio de travesas de carballo para a vía férrea.
Restos actuais das minas de Casaio / archivohistoricominero.org
O científico explicou que “non houbo sabotaxes dos maquis para non comprometer aos presos”, e porque estes “bastante tiñan” con tratar de sobrevivir. Tamén destacou que non houbo ningún accidente grave nas minas, máis aló das secuelas pola dureza do traballo que alí se desenvolvían.
Tras a supresión do destacamento, ante o perigo “dunha gran evasión”, indicou que os penados foron levados ao cárcere de Ourense e desde ese punto distribuídos polos diferentes campos de traballo que había en Galicia.
   
 

Pode que che interese...